BOAS NOITES, BUFO! Pat Hutchins


"Boas noites, bufo!", publicado orixinalmente en 1972, é un precioso libro de Pat Hutchins, traducido por Sandra e Óscar Senra Gómez, e destacado pola Asociación de Bibliotecarios de América.

Aquí, en Galicia, podemos atopalo na coidada edición que nos presentan os compañeiros de Kalandraka, unha editorial que no pasado 2012, foi galardoada co Premio Nacional á Mellor Labor Editorial que concede o Ministerio de Cultura. Foi a primeira vez que unha editorial especializada en literatura infantil e xuvenil conseguía esta distinción.

Os debuxos son simples, con moitas cores e cun único escenario onde discurre a acción. Hai unha árbore e a medida que avanzan as páxinas, as pólas vanse poboando cos distintos habitantes do bosque ata un final con moito humor.  Trátase dun conto acumulativo e repetitivo para o coñecemento do medio ambiente e do entorno. 

É ideal para pre-lectores, aínda que gustará tamén a todos aqueles amantes das historias sinxelas pero cargadas de mensaxe. Con el, podemos traballar a diversidade da fauna e da flora, os números, os sons, as onomatopeas ou a memoria. Resulta un recurso eficaz para traballar as estratexias de lectura temperás.



FICHA TÉCNICA:

  • Editorial Kalandraka.
  • 19,5 x 24 cm.
  • Encadernado en cartoné.
  • 36 páx.
  • 14 euros.
  • ISBN 978-84-8464-825-3.
  • Colección Tras os montes.

Comentarios