RECOMENDACIÓNS DE NADAL




Este ano, esquecede as recomendacións en papel. Agora temos o blog para comunicarnos e así, evitamos imprimir trescentos folios. Aforramos en papel e pensamos no medio ambiente. 

Estamos xa no Nadal, hoxe é o último día de escola do ano e Papá Noel e os Reis Magos están ao caer. Imaxino que teredes algunha cousiña pensada para pedirlles e aquí está EF para darvos algunha idea de cousas guais e non moi caras.


Déixovos unha serie de libros para cada nivel de lectura e tamén algo de música e cine.





PRIMEIROS LECTORES





"Caracol e formiga" de Armando Quintero e André Letria.

OQO Editora.

Caracol anda amodiño e formiga moi rápido pero iso non lles impide estaren sempre xuntos. Acompáñadelos na súa excursión ao lago?



"Ser Quinto" de Ernst Jandl e Norman Junge.
Lóguez Ediciones.

Un pingüín, un pato, un oso, unha ra e un boneco agardan con medo na sala de espera do médico. Teñen algo que temer?

Premio Bologna Ragazzi 1998.


"A mazá e a bolboreta" de Enzo e Iela Mari.

Kalandraka.

Un álbume científico para nenos. O fascinante ciclo da vida contado nunha sucesión de imaxes sinxelas e de grande beleza.


Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (Alemaña) en 1971.






"Un día de treboada" de María de Mata e Mariana Riestra.
Baía Edicións.

Unha terrible treboada ameaza a unha aldea galega. A nai de Aldara axudará a salvar a situación e provocará cambios nas relacións dos veciños.








LECTORES EN INICIACIÓN




"A cousa que máis doe do mundo" de Paco Liván e Roger Olmos.

OQO Editora.

Un conto orixinario de Costa de Marfil, unha parábola sobre a mentira e as súas consecuencias a través da conversa dunha lebre e unha hiena.



"A araña e máis eu" de Fran Alonso e Manuel G. Vicente.
Kalandraka.

Unha araña exploradora percorre o corpo humano para achegarnos dun xeito poético á nosa anatomía.


"Adiós Manoplas" de Benjamín Chaud.
Kókinos.

Manoplas é un coello bo pero un desastre como compañeiro de xogos. O seu dono tenta abandonalo no bosque, tarefa que non vai ser doada.
Un libro para reflexionar.

"Bailar en las nubes" de Vanina Starkoff.

Kalandraka.

Calquera soño pode facerse realidade e, mentres o perseguimos, a prendemos de multiculturalidade e convivencia.
Baseado no folclore latinoamericano.

Finalista do III Premio Compostela para Álbumes Ilustrados 2010.







LECTORES EN MARCHA




"A banda de Vilacendoi" de Xulio Gayoso.
Kalandraka.

En Vilacendoi había música en cada recuncho. Agora, a xente vai marchando e as noites de festa xa non son as mesmas.
Nostalxia, futuro e esperanza.





"Besos" de Goele Dewanckel.
Kókinos.

Un libro-revolución que fala sobre a maxia dos bicos en calquera idade.
Moi bo para dialogar sobre tolerancia, non discrimnación e respeto.


"Inventario ilustrado dos mares" de Virginie Aladjidi, Emmanuelle Tchoukriel e Fernando Moreiras.
 Faktoría K.

Unha sinxela e practica guía da rica diversidade mariña tanto na fauna coma na flora.
Fomenta a curiosidade e a sensiblización co medio natural.

"Wangari y los árboles de la paz" de Jeanette Winter.
Ediciones Ekaré.

É a historia da Premio Nobel da Paz no ano 2004 Wangari Muta Maathai, a historia dunha nena que naceu nunha aldea de Kenia e foise facendo a si mesma.


Premio Los Mejores. Banco del Libro 2010. "Los tres imprescindibles"







LECTORES AVANZADOS



"Castelao. O pobre tolo" de Inacio e Iván Suárez.
Demo Editorial.

Este cómic é unha das partes da serie biográfica adicada a unha das nosas principais figuras políticas, culturais e sociais.
Neste volume, Castelao é desterrado a Badaxoz pola súa actividade política en 1934, onde se implica na sociedade local e viaxa a Portugal con frecuencia.




"A evolución de Calpurnia Tate" de Jacqueline Kelly e Carlos Acevedo.
Faktoría K.

Calpurnia Tate é unha señorita de boas maneiras que non se contenta coa súa vida chea de comodidades, prefire observar o mundo con curiosidade e, neste libro, coa influencia de Darwin, aprenderá a ser naturalista.


"El pájaro enjaulado" de Vincent Van Gogh e Javier Zabala Herrero.
Edelvives.

Pequena e fermosísima parábola na que Van Gogh lle conta a seu irmán Theo a súa confusión emocional e a necesidade e desexo de atopar un bo camiño.
Unha metáfora hacia a liberdade.

"Vida de nai" de Gemma Sesar, Ramón Marcos e Jorge Castelli.

El Patito Editorial.


A vida desta nai podería ser a de calquera, unha nai de hoxe en día, que se debate entre a dificultade de sobrevivir no mercado laboral e a ledicia que lle aportan os seus dous fillos.
Unha crítica ao sistema por non permitir a conciliación das vidas profesional e familar.





ADULTOS





"A estrada" de Cormac McCarthy e Eva Almazán.
Faktoría K.

Unha historia de supervivencia dun pai e un fillo rodeados dun ambiente desolador. Un libro duro, un clásico das letras contemporáneas que agora temos en galego.

Premio Pulitzer de ficción 2007.

"La tournée de Dios" de Enrique Jardiel Poncela.
Blackie Books.

A cuarta e última novela longa dun dos grandes das letras hispanas.
Desde un punto de vista crítico, irónico e real, o autor crea a deus a imaxe e semellanza do home e narra a visita deste deus Á Terra (que acaba en desastre).

Un libro divertidísimo que gustará a ateos, fieis e agnósticos.

"Inflamable" de Samuel L. París.
Edicións Positivas.

Textos que conectan moi ben coa xente xove en particular e coa que ten opinión crítica en xeral. Unha poesía afastada do tradicional, tremendamente actual, un exercicio de desmitificación e unha aposta polo que se deu en chamar "función lúdica da linguaxe".

"Os ángulos da brasa" de Manuel Álvarez Torneiro.
Faktoría K.

O cotiá, o íntimo e o simbólico.

Versos audaces e contundentes que manteñen ao lector nun ambiente cálido para desfrutar dun libro-xoia con multitude de recoñecementos.
Con ilustracións de Fausto Isorna.

Premio da Crítica Española 2012. Premio Ánxel Casal 2012. Premio de Poesía da AELG 2013. Premio Nacional de Poesía 2013.






VARIOS






"Isto é Jazz!!!" de Xacobe Martínez Antelo Quinteto.
Free Code Jazz Records.

Un disco de jazz galego publicado en 2006, liderado por un dos vértices do triángulo Sumrrá e que non está de máis rescatar ao presente. 
Contrabaixo liderando e saxo alto, saxo tenor, guitarra e batería escoltando.





"Mud" de Jeff Nichols.
Everest Entertainment / FilmNation Entertainment / Brace Cove Productions.

Filme independente de 2012 moi ben valorado en Cannes e nos Independent Spirit Awards sobre a vida rural en Norteamérica. 
Conecta a inocencia e a ilusión da infancia coas dificultades e a problemática da vida adulta.

Non recomendada para menores de 12 anos.





"Corasons" de Varios Autores.
Kalandraka.

Publicado este decembro, reúne fotografías, música e un excelente traballo audiovisual.
Unha experiencia artística froito da unión da cultura galaico-lusófona.







"Gru 2. Mi villano favorito" de Pierre Coffin e Chris Renaud.
Illumination Entertainment / Universal Pictures. 

Unha peli de animación tan máxica como a primeira parte, que parte dunha idea moi sinxela e que se desenvolve de forma extraordinaria.
Tanto estética como conceptualmente, moi desfrutable para toda a familia.







Espero que vos gusten!

Comentarios

  1. Encántanme todas estas ideas, xa incluín unhas cantas nas miñas eticións para os Reis Magos.
    Grazas Ef e que teñas un moi bo Nadal!

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario