DALLAS CLAYTON POLA PAZ





Nelson Mandela (recentemente falecido) foi un símbolo da paz pola súa intelixencia, calma e loita en favor dos dereitos da poboación negra en Sudáfrica. Mahatma Gandhi foi o grande pacifista, amante da igualdade social e pai da resistencia non violenta. A albanesa Teresa de Calcuta foi recoñecida polo seu incansable labor humanitario na India. Martin Luther King erixiuse como líder e activista político polos dereitos cívicos e polo movemento negro sempre co amor hacia o próximo como bandeira. O catalán Vicente Ferrer é considerado como unha das persoas máis activas na axuda, solidariedade e cooperación cos máis desfavorecidos. Rigoberta Menchú é unha importantísima defensora dos Dereitos Humanos.


Estes son tan só algúns exemplos de persoas que foron e son referencia habitual cando se fala do concepto de paz e, como sabedes, o próximo 30 de Xaneiro festexaremos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Este día foi fundado en 1964 polo poeta e pacifista mallorquino Llorenç Vidal e festéxase nesta data como conmemoración da morte de Gandhi.


Hoxe quero escribirvos sobre outra cara da Paz, unha cara un pouco menos visible pero igual de importante. Non poido falar sobre todos eses heroes ou esas heroínas anónimas que cada día, coa súa actitude, constrúen un mundo mellor. Non poido falar deles precisamente porque son anónimos, porque non son coñecidos, aínda que deberían selo. Con todo, gustaríame felicitalos desde a Flavioteca porque o merecen moito. Dito isto, quero presentarvos a unha persoa moi especial que sigo desde fai uns anos e que me parece un ser humano diferente polo tipo de vida que leva, pola súa coherencia, polos seus principios e por como inflúe na vida de outras persoas. O seu nome é DALLAS CLAYTON.


Dallas Clayton é un xove estadounidense autor e ilustrador que se deu a coñecer nas culturas de fala inglesa polo seu libro de 2008 "An Awesome Book!" ("Un libro marabilloso!"). Un libro que se lle ocurriu cando naceu o seu fillo e decidiu facerlle un libro moi persoal sobre soñar ao grande. Non pensedes en soños deses que nos impoñen os medios de comunicación, todo o contrario, pensade máis ben en outros relacionados con ser mellor persoa de verdade, pensade nos mellores dos valores humanos e saberedes por onde van os tiros... ou mellor dito os aires...
Como a maior parte das editoriais lle deron un "non" por resposta para sacalo á venta, decidiu colgalo en internet para a súa libre descarga, de balde. Conseguiu un éxito sen precedentes e adquiríano ata 50.000 persoas ao día. O suceso foi de boca en boca e non tardou en ser coñecido a nivel internacional.
A este libro seguírono outros dous, "An Awesome Book of Thanks!" ("Un libro marabilloso de agradecemento!"), de 2012, e "An Awesome Book of Love!" ("Un libro marabilloso de amor!"), de 2012.
Ademais, Clayton fundou unha fundación sen ánimo de lucro, a Awesome World Foundation en 2009. Con ela viaxa arredor do mundo lendo para nenos e fomentando a literaura infantil e a creación literaria feita polos máis pequenos. A fundación doa libros a moitos lugares e colabora con causas infantís solidarias e de caridade.
Tamén fixo un libro de poesía para nenos e nenas titulado "Make Magic! Do Good!" ("Sé máxico! Fai o ben!") en 2012, e outro libro de nenos para adultos que se chama "It's Never Too Late" ("Nunca é demasiado tarde") publicado en 2013. 













Déixovos con algúns exemplos do seu traballo. Están en inglés pero son doados de entender... e en caso contrario, a polo dicionario!
Estes debuxos, con texto ou sen el, poden ser moi bos para traballar en clase de inglés ou en calquera outra. Tamén para imprimir nun papel bonito e decorar algunha parede ou, simplemente, para ver e pensar. 




Pequenos e maiores, Dallas Clayton diríxese a todos nós.

Nada máis me queda por dicir. Soamente que o desfrutedes... e se queredes botarlle unha ollada á súa páxina web, podedes facelo neste enlace.






































Comentarios

Publicar un comentario