GALIZA. Kepa Junquera


Kepa Junquera é un músico e compositor de Bilbao, mestre da trikitixa (acordeón diatónico de orixe vasco), de contrastado prestixio internacional e amante da tradición musical e cultural da súa terra e da dos demais.

Conta no seu historial con trece fantásticos discos que mesturan folk, rock e jazz dun xeito sutil e intelixente. "Kalejira Al-Buk" (1994), "Lau Eskutara" (1995), "Bilbao 00.00 h" (1998) ou "Maren" (2001) son algúns dos seus traballos máis destacados.

Xunto ao seu instrumento percorreu os cinco continentes expandindo o seu son e absorvendo os de outros. As súas colaboracións con outros músicos son innumerables, cuestión que deixa de manifesto o seu gusto e interese por compartir experiencias e así enriquecerse humana e profesionalmente. María del Mar Bonet, Pat Metheny, Dulce Pontes, Andreas Wollenwaider, Caetano Veloso ou Phil Cunningham son algúns exemplos de compañeiros de viaxe.

"Galiza", publicado a finais do pasado 2013, é o seu último álbume, onde o vasco se rodea de músicos galegos para rendir a súa especial homenaxe (neste caso) á nosa terra. A trikitixa fúndese cos pandeiros, coas gaitas, cos outros acordeóns e coas voces creando un fermoso universo tradicional.

O disco está editado por Fol Música e conta con, ademais da música, cincuenta páxinas de ilustracións, fotografías e textos.

Kepa Junquera, Budiño, Uxía, Treixadura, Sondeseu, Os Campés, Cristina Pato, Davide Salvado, Luar na Lubre, Xabier Díaz... moita calidade xunta! Ídelo perder?



Aquí tedes un video de presentación do proxecto en Pontevedra o pasado novembro:







Comentarios