RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN



O verán é un tempo no que nos gusta sair á rúa, xogar ao aire libre, ir á praia, aproveitar o soliño e, en defintiva, desfrutar dos longos días e das cálidas noites. Pero lembrade que sempre podemos levar un libro encima para ler... na herba, na area, nun banco, no sofá, na cama, nunha árbore...

Aquí van as miñas suxerencias para este verán:


PRIMEIROS LECTORES


"Elefante comellón". Rafael Ordóñez e Marc Taeger.
Kalandraka.

Palabras rimadas onde aparecen unha divertida fauna mansa e vexetariana. Coa técnica do linogravado, os de buxos forman fermosos mosaicos de cores e formas.




 "Un libro". Hervé Tullet.
Kókinos.

Comeza cun reto de curiosidade proposto ao lector e o seguinte xa é pura maxia da man deste excelente autor. Non conto máis.






"Atuendos". Joélle Jolivet.
Kókinos.

Un libro para aprender moito sobre outras culturas e épocas a partir da roupa que poñían os seus habitantes e membros.





"A caricia da bolboreta". Christian Voltz.
Kalandraka.

Un álbum con orixinais ilustracións en relevo que lembra que as persoas nunca morren de todo.
Premio SORCIÈRES 2007 en Francia.







LECTORES EN INICIACIÓN




"Agujeros de la nariz". Genichiro Yagyu.
Media Vaca.

Un libro divertidísimo que forma parte da xenial serie "El mapa de mi cuerpo" e que cun tema tan sinxelo como son os ocos do nariz, desvela cousas interesantísimas.





"Furia". Patxi Zubizarreta.
Baía.

Unha historia sobre unha nai que descubre que o seu fillo só ten unha amiga: a televisión. Unha pista para ver o que pode pasar: o seu pai corre como xinete o Grand National.






"Gente". Blexbolex.
Kókinos.

Este libro levou un galardón moi especial, o que dan os propios nenos, o PREMIO DE LOS NIÑOS da libraría "Los porteadores de sueños", onde non hai un só adulto no xurado.
Premio Best Book Design 2009 Goldene Letter.






"Na cociña de noite". Maurice Sendak.
Kalandraka.

Un álbum de refrencia a nivel mundial superando a censura do puritanismo. Unha lembranza da nenez a través dun relato onírico.







LECTORES EN MARCHA



"100 greguerías ilustradas". Ramón Gómez de la Serna e César Fernández Arias.
Media Vaca.

Humorismo + metáfora = greguería. O talento de Gómez de la Serna coa man para o debuxo de Fernández Arias. Un binomio inigualable.






"Almanaque musical". Antonio Rubio e David Pintor.
Kalandraka.

Un poema ilustrado para cada mes, con versos que danzan ao son dos concertos para corda dos compositores máis emblemáticos.
2º PREMIO DE ILUSTRACIÓN Festival Internacional de Literatura Infantil-Juvenil de Sharjah (Emiratos Árabes) - 2012.




"O home que prantaba árbores". Jean Giono.
Árbore / Galaxia.

Un magnífico libro para todas as idades que fala do amor á terra e ao ser humano, un libro para darnos conta de que para construír o futuro é necesario ter paciencia, confianza e forza.




"El gato con botas". Charles Perrault.
Nórdica Libros.

Edición ilustrada por Javier Zabala (Premio Nacional de Ilustración de 2005) do relato clásico. Historias de intelixencia, observación e lóxica desde un animal e para as persoas.







LECTORES AVANZADOS


"Construtores. Animais extraordinarios". Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández.
Factoria K.

Os animais como auténticos enxeñeiros do seu hábitat.
PREMIO ÁNXEL CASAL de NON-FICCIÓN (AGE) - 2010.
PLAN NACIONAL DE LECTURA (PNL Portugal).




"Estamos no verán". Xoán Curiel e Charo Pita.
Árbore / Galaxia.

É a historia dun grupo de amigos que queren ter unha banda de música.
Unha novela-CD moi entretida, ideal para nenos e nenas de entre oito e doce anos.




"O burato do inferno". José Manuel Trigo e Ramón Trigo.
Factoría K.

Un cómic sobre piratas e vinganzas ambientado en A Guarda. O contrabando do Baixo Miño e Norte de Portugal contado baixo unha atmosfera en imaxes alucinante.





"Listamanía. Un universo ilustrado de hechos fascinantes". 
Libros Cúpula.

Gústanche as listas de cousas fascinantes?
18 obxectos inverosímiles que caeron do ceo, 14 mentiras que o cine nos fixo crer, 10 misterios sen resolver, 20 formas absurdas de morrer, obxectos raros que andan polo espazo... e moitísimo máis!




ADULTOS



"Espiral de sombras". Xavier Seoane.
Factoría K.

Poemas que supoñen unha viaxe pola historia desde as orixes. Un percorrido pola civilización atlántica: liberdade e dependencia, esperanza e esquecemento, identidade e aculturación.




"Buffalo Bill Romance". Carlos Pérez e Dani Sanchís.
Media Vaca.

Unha auténtica marabilla de libro! Unha crónica magnífica onde se mesturan historias e personaxes de finais do século XIX cun traballo de ilustración impresionante.
Un libro-xoia.




"Stone Junction. Una epopeya alquímica". Jim Dodge.
Alpha Decay.

Unha odisea moderna sobre a busca do coñecemento e da comprensión. Unha novela total, das que permanecen na nosa memoria para sempre. Unha historia moi completa e complexa ao longo da vida dun neno, rapaz e home: Daniel Pearse.




"Contos de África". Escolma de Onofre Sabaté.
Edicións Positivas.

Unha escolma de narracións populares africanas. Unha ollada certeira sobre un continente moi especial. O estreito lazo coa natureza, o ben común por encima do interese individual ou a importancia da palabra na oralidade como forma de transmisión cultural, son algúns elementos que dan forma a este libro.






OUTROS


"De voces ceibes a Milladoiro". Antón Seoane.
Galaxia.

A historia e realidade dun dos grupos máis nosos, desde os seus inicios ata os últimos días.






"Una cocina tan grande como el mundo". Alain Serres e Zaü.
Kókinos.

Caderno de viaxes e libro de receitas nun só exemplar. Un paseo gastronómico moi interesante polos cinco continentes e un descubrimento de culturas lonxanas e próximas.




"Le tableau". Jean François Laguioinie.
BE-FILMS / Blue Spirit Animation / uFil.

Filme de animación para todos os públicos, con debuxos moi vistosos e guión ben elaborado.
As personaxes dun cadro van en busca do pintor para que as acabe de pintar. No medio, a acción.




"Os estranos sempre traen malas novas". Malandrómeda.

Un disco de hip-hop galego e vangardista, con letras ácidas e irónicas (con contido explícito) e ritmos chamativos. 
Pódese escoitar, pódese bailar e pódese rir coa ocurrencia de Hevi e os sons de Caldeirada.






"The Rocket". Kim Mordaunt.

Unha peli xenial sobre un neno que é acusado de traer a mala sorte á súa cultura e que desafiará a todo un pobo participando nun perigoso concurso de fogos de artificio.






"Zebulon". Peter Evans.

Os amantes do free jazz poden desfrutar todo canto queiran con este asombroso álbum que fai voar aos nosos oídos e que discurre por camiños de máxima liberdade creativa.









DESFRUTADE E LEDE MOITO... QUE AS VACACIÓNS LOGO PASAN!

Comentarios