COSTA DA MORTE. Lois Patiño



Bo día!

Hoxe quero recomendarvos un filme aos maiores (sobre todo), un documental dun director galego chamado Lois Patiño que, casualmente estase a ver estes días nos cines do país. Trátase de "Costa da Morte" (2013), unha marabilla con máis de trece premios internacionais en festivais do circuito alternativo como o de Locarno.

Non é unha peli doada de ver, mais tampouco difícil, só hai que sentarse e deixarse levar pola fermosura das imaxes e o revelador dos diálogos.

Eu xa a vin, cos meus colegas alces, fai case un ano en Cineuropa. Encantounos. Este documental deixa ver moi ben a relación dun pobo co seu territorio. A frase de Castelao que o presenta serve de perfecta sinopse: "Nun entrar do home na paisaxe e da paisaxe no home creouse a vida eterna de Galiza".

É unha fusión entre historia e lenda, un concepto cunha fina e indeterminada liña imaxinaria que deleita ao que xa coñece Galicia e asombra ao que a descubre por primeira vez.
Un documental observacional extraordinario feito con agarimo a unha cultura, a nosa, con rigor e con moito gusto. 
Para min, un 10.


E para rematar, déixovos cunhas palabras do propio director:


"A través dunha dobre distancia perceptiva con respecto á figura humana (lonxana na imaxe, próxima no son) buscaba poñer en relación a inmensidade do espazo natural coa experiencia íntima das persoas. E deste xeito, desde a contemplación profunda da imaxe, poder diluírnos completamente, expandirnos, desaparecer na paisaxe da Costa da Morte". Lois Patiño.

Comentarios