COÑECER A NOSA HISTORIA, LEMBRALA, RECOÑECELA E HOMENAXEALA

Clara Zetkin e Rose Luxemburg en xaneiro de 1910.



Bo día!

Como saberedes, o vindeiro domingo 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller Traballadora (tamén chamado Día Internacional da Muller). A orixe desta data é incerta (unha folga feminina en Alemaña, o Women's Day estadounidense...) e, polo tanto, tamén as súas causas, mais do que non hai dúbida, é de que pretende conmemorar os avances en canto á igualdade entre a muller e o home, ben sexa en relación á incorporación e condicións no mercado laboral, ao dereito ao sufraxio, ás presións sociais, etc.

No noso país, comezou a celebrarse no ano 1936 e, a verdade, é que desde aquela e ata o día de hoxe, as cousas cambiaron moito.

Por iso, desde a FLAVIOTECA, felicitamos ás mulleres que loitaron por saír adiante, e tamén ás que non lles quedaron forzas para facelo, ás que conseguiron os seus propósitos e ás que non. Queremos lembrar, en especial, a todas esas mulleres que, ao longo da nosa historia, asumiron un papel moi pouco recoñecido e ademais silenciado. As conquistas transcenden, as batallas e o camiño para esas conquistas non tanto. 


Neste sentido, deixámosvos cun poema (de XUSTIZA) de María Reimóndez, unha das escritoras máis destacadas e talentosas da actual literatura galega:

"Ar.
Esa doce palabra galega
a través da cal
os galeguistas e poetas
describiron a sociedade
tradicional galega,
matriarcal,
din eles,
onde as mais
(que non as mulleres)
tiñan un posto social crucial.
Así se lle debe chamar
en termos galeguistas
a traballar nas leiras,
traballar na casa, parir,
estudar aos fillos (só eles)
e non ter opcións a nada,
se cadra a unha malleira opcional
ou unhas pernas cabras de lareira
último modelo.
Mágoa que para unha sociedade
tan matriarcal
só saibamos dela
a través dos homes
porque, malia o seu "posto social crucial",
esas mulleres matriarcais
(que estraño!)
só deixaron aparente silencio.
Agora,
con estes vestidiños axustados
de Ar
pregúntome
ata cando teremos que seguir
desaprendendo
as falacias do pasado".

Comentarios