O MELLOR GRAFFITI DO MUNDO. Estudo Alavista


Ola!

Fai unhas fins de semana estiven na Coruña e vin o mellor graffiti do mundo, o que máis me gustou. Está no viaducto de San Pedro de Mezonzo, moi preto da fonte de Catro Camiños, xusto debaixo do vial Alfonso Molina cando pasa por encima da Ronda de Nelle.

É un mural feito con agarimo a partir dunha foto duns anciáns do barrio. Unha pintura xenial que parece real, coma se fosen tres xigantes que están aí para lembrarnos que vivir é marabilloso. 

Foi feita por Leo López García e Miguel Ruíz Díaz para conmemorar o 800 aniversario da Cidade da Coruña.

O máis guai resulta que esta pintura non é a única dese lugar, hai máis. Este graffiti forma parte dun proxecto que surxiu dunha necesidade de adecentar esa zona, moi descoidada e desaproveitada fai anos. O concello, neste caso cun moi bo criterio, encargoulle o traballo ao Estudio Alavista, que chamou a formación aos seus graffiteiros para que transformasen en murais, debuxos de autores como David Rubín, Fernando Llorente, Marcos Calo ou Santy Gutiérrez. Dito e feito. A encantadora terceira idade, a Brigantia castrexa, as meigas, Alfonso IX, Hércules, a emigración, o mar ou os típicos cafés antigos (todo relacionado coa cidade) son os motivos dalgunha das pinturas que, de seguro, merece a pena ver.

Estes tres vellos transmitíronme moita ilusión. Existen e están por aí, sentados nun banco, cada día, falando das súas cousas, bromeando, contándose as súas historias, seguro que interesantísimas, marcadas polas engurras que lucen, marcadas polo paso do tempo e por unha vida que se vai indo pero que hai que vivir ata o final.

 

Agora déixovos cunhas fotos que reflexan o intenso traballo de meses no seu proceso de elaboración:












Comentarios