CAMILO RODRÍGUEZ VIDAL




Bo día!

Camilo Rodríguez Vidal é un escultor galego, da nosa vila, de Padrón (parece definitivamente que esta zona potencia a creatividade… serán os pementos!). Naceu en 1974 e desde moi pequeno mostrou a súa inquedanza polo mundo artístico. Traballou con Fernando Blanco, outro recoñecido escultor compostelán discípulo de Asorey, no seu taller e na actualidade, é profesor de escultura na escola de "Canteiros" de Poio.
Licenciado en Belas Artes pola facultade de Pontevedra, é graduado, tamén, en Artes Aplicadas na especialidade de Técnicas de Volumen pola Escola Mestre Mateo.


A súa obra ten un claro compoñente orgánico, derivado fundamentalmente do seu amor pola natureza en xeral e polos animais en concreto. Bustos, corpos e obxectos de diferente condición aparecen representados en pedra, madeira, ferro, bronce… Cans, cabalos, persoeiros galegos, esqueletes de barcos, remos, deportistas, seres mitolóxicos de colleita propia, megalitos, etc.


Galicia ten expoñentes artísticos moi relevantes e, sen dúbida, Camilo é un deles, sobre todo pola súa xuventude, que lle permite ter unha marxe de explosión maior.


Podemos desfrutar das súas creacións ao longo da diferente xeografía galega e, actualmente, unha das súas obras máis en boca de todos é un land art que fixo na canteira en desuso de Arteixo, no Monte da Costa, nº 8. Trátase dun conxunto megalítico contemporáneo, unha pinga de tradición dentro da modernidade, unha visita ao pasado envolta no século XXI.


É un pracer para min adicarlle este espazo no blog a este artista veciño, un xenial exemplo do que se coce nesta desprestixiada terra, a nosa.



Déixovos con algunhas das súas creacións:
















Comentarios