XO.





Ola meus reis e miñas raíñas!

Hoxe preséntovos a un músico moi guai que compón para a súa filla pequeniña.

Como di o propio Xoel Méndez no seu bandcamp, "XO é o que se lle berra ao burro para que deixe de perseguir a cenoura. XO é o espazo entre dous arres. XO é a urxente necesidade de deterse, ollar, armarse a couces", e ademais, é o alter-ego dun interesantísimo multinstrumentista autodidacta ourensán.

Así, de golpe, colga na rede catro discos sorprendentes entre os que destaco o seu traballo homónimo.
E é que este tipo márcase un álbum impresionante, de quitar o sombreiro. Letras lúcidas, acertadas, moi poéticas, de actualidade, que mostran un universo e un imaxinario persoal completísimo. 

É puro folklore de autor en baixa fidelidade, puro amor á música e á vida, con influencias de xente como José González, Andrew Bird, Bon Iver ou o Zeca Afonso.

Todo o que oímos está composto, tocado e arranxado por XO na intimidade dun estudo caseiro cheo de cores e texturas.

Imposible resistirse a cancións como "Algo no ar", "Estampida", "Txalapartas", "Estrondo", "Ximnopedia da curuxa" ou "Xuntos pero solos".

Un disco excelente dun músico que ilusiona. En galego, bonito, traballado, detallista, humilde, discreto e máis grande que Canadá.

Se queredes escoitar o álbum de balde podedes facelo no seu perfil de bandcamp pinchando aquí.

Espero que vos guste. 

Comentarios