Ola!
Hoxe, como cada 24 de outubro dende 1997, é o Día da Biblioteca. Por iso quero compartir con vós o cartel (que é de Miguel Calatayud) e o pregón deste ano, escrito por Gemma Pasqual. Aquí o tedes:
A SEN CONTO
Non quería ser princesa,
non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun
Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil,
non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata
que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz
polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón.
Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha
madrasta, dun pai ou dunha fada boa.
E
puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu
buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro,
unha sen papeis, non a querían en ningures.
Nunha
casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a
corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e
se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump,
unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a
cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban
polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se
aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte
sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.
Finalmente,
despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da
Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de
tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial
que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do
tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más
afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como
lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa
para ser a protagonista de todos os contos.
Longa
vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen
libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos
nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e
bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes
tesouros como son os libros.
Tradución: Héctor Cajaraville
Por certo, graciñas por celebrar comigo o meu aniversario! Xa veredes o ben que cantades 😉
EF.
Ola son Ef, quero pedirvos desculpas por facer desaparecer unhas cantas palabras do texto de Gemma Pasqual. Debía andar con fame cando o puxen e por iso as comín. Xa están postas de novo no seu sitio.
ResponderEliminarUn saúdo e grazas por festexar o meu aniversario! Desfrutade da mesa de luz nas aulas!