DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Bo día!

Hoxe, 2 de abril, é o Día Internacional do Libro Infantil e, como cada ano, dende 1966, festéxase tendo un país como anfitrión. 
Este ano é Xapón e dende alí chega este cartel ilustrado por Nana Furiya e esta mensaxe de Eiko Kadono.

_________________________________
Sobre as alas, os contos viaxan. 
Desexando sentir o latexo do teu corazón.

Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio. 
Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.
E outras nas aliñas dun gran de area. 
Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias. 
E, de cando en vez, incluso nas dos avións. 
Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia que queiras. 
Quizais unha historia fantástica? 
Ou prefires unha historia triste? De medo? 
Unha para rir ás gargalladas? 
E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.
Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis que dicir:
«Conto Viaxeiro, ven aquí!», e irei voando ao teu lado.

Teño historias a moreas. 
A historia dunha illa que, farta de estar soa e aburrida, aprendeu a nadar para facer amizades... 
Ou a dunha misteriosa noite en que apareceron dúas lúas... 
E aquela de cando Papá Noel se perdeu... 

A ver? Si, si, seica estou oíndo latexar o teu corazón!
Bom, bom! Bum, bum! Pumba, pumba! 
Iso é que o Conto Viaxeiro está dentro de ti e fai soar as campás do teu corazón. 
Seguro que a próxima vez es ti o Conto Viaxeiro e desexarás ir de viaxe! 
E deste xeito, no mundo nacerá un novo Conto Viaxeiro.

Eiko Kadono

________________________________

Para saber máis preme neste libro: 📘

Comentarios